26 de xaneiro de 2015

26 de xaneiro: Día de Farmer

O día 26 de xaneiro é o Día Internacional da Educación Ambiental, pero en Palaestra preferimos lembrar a Philip José Farmer.

Palaestra anima a coñecer no aniversario do seu nacemento a obra de Philip José Farmer, quen naceu en Peoria, Illinois, o 26 de xaneiro de 1918, e faleceu o 25 de febreiro de 2009. Foi un escritor estadounidense de ficción científica e fantasía, autor de novelas e relatos breves.

En moitas das obras de Farmer aparecen personaxes preexistentes, tomados da historia ou da ficción. É o caso de The Other Log of Phileas Fogg (1973), que reenche as elipsis da coñecida novela A volta ao mundo en oitenta días, de Jules Verne, ou da Barnstormer in Oz (1982), no que o fillo adulto da protagonista do mago de Oz, Dorothy, chega ao país de Oz por un accidente do avión que estaba pilotando. Outros personaxes que aparecen frecuentemente nas súas obras son os heroes pulp Tarzán e Doc Savage: na novela The Adventure of the Peerless Peer Tarzán forma equipo con Sherlock Holmes. Farmer é tamén o creador das series de Lord Grandrith e Doc Caliban, personaxes baseados, respectivamente, en Tarzán e en Doc Savage.

A Serie Riverworld conta as aventuras de persoaxes tan diferentes entre si como Richard Francis Burton, Hermann Göring e Samuel Clemens (Mark Twain), nun estraño máis aló no cal todos os seres humanos que viviron no pasado resucitan no val dun río que se extende por todo un planeta. A saga está composta por To Your Scattered Bodies Go (1971), The Fabulous Riverboat (1971), The Dark Design (1977), The Magic Labyrinth (1980) e Gods of Riverworld (1983). Riverworld and Other Stories (1979) é unha colección de relatos que se desenvolve no mesmo mundo imaxinario; nela inclúese o conto que deu orixe á saga.

As obras de Farmer abordan a miúdo o tema do sexo: a súa recompilación de historias breves Strange Relations, de 1960, marcou un fito na historia do sexo na literatura de ciencia ficción. Tamén a relixión está presente no traballo de Farmer: Xesús aparece coma personaxe nun dos relatos de Riverworld and Other Stories e na novela Jesus on Mars.

Ningún comentario:

Publicar un comentario